top of page
20220702_134140.jpg

Aproveitando o décimo aniversario da creación en Pontevedra de O Garaxe Hermético, a primeira Escola Profesional de Cómic de Galicia, o seu fundador, o incombustible Kiko da Silva, propúxolle un sorprendente reto ao seu alumnado: homenaxear o MUSEUM de Fernando de Felipe creando para a ocasión unha serie de historias alternativas inspiradas nas súas negrísimas páxinas.

 

Tras analizar durante todo un trimestre a obra do autor aragonés tentando dar coas claves e os patróns que marcaban desde o seu máis que recoñecible estilo gráfico ata o seu non menos peculiar sentido da narración, as súas múltiples derivas compositivas ou o seu sorprendente uso narrativo da cor; o aplicadísimo grupo de estudantes conseguiu sacar adiante un divertidísimo puñado de historietas –6 en total– tan salvaxes, iconoclastas e malsanas como as do mismísimo De Felipe.

 

​

Como lles tiña dito o propio Kiko da Silva, “non hai nada mellor para aprender a facer cómics que estudar aos grandes mestres”. Iso, ou ter o talento que demostraron ter Javi Rial, Chano Ripio, Sergio de Arcos, Cris Alborja, Jorge Fernández e Andrés Chinchilla, alumnos todos certamente avantaxados nisto da “museística aplicada”. Se queren gozar de xeito abondo, non dubiden en descargar o PDF de abaixo.

 

A versión realizada por Javier Rial, exalumno de O Garaxe Hermético, está inspirada nunha anécdota real que lle sucedeu ao propio Kiko da Silva, cando deixaron de fabricar o papel de acuarela que levaba toda a vida usando.

 

Dicir tan só que nas súas páxinas saen retratados todos os profesores da escola. Será que lles tiña ganas, non? Porque xa sabemos como as gastan neste museo cos visitantes…

(Esta publicación foi incluída como extra no libro MUSEUM da Colección Fernando De Felipe editada por ECC no 2022)

MUSEUM HERMÉTICO

bottom of page